Poñendo patas arriba a aula: A nosa experiencia con AgileDT

Hai oportunidades que chegan a ti sen saber moi ben onde te estás metendo, nin o alcance que poden chegar a ter… polo menos, o alcance que poden ter na túa tranquila e organizada vida. Así comezou para nós AgileDT (https://www.youtube.com/watch?v=ckAEQKn5uX4), un proxecto europeo que veu poñer patas arriba as nosas cabeciñas e a abrir novas formas de entender a docencia, a aula, e o papel do alumnado na Formación Profesional.

Neste proxecto participamos centros de Galicia, Portugal e Eslovenia, guiados e liderados por institucións que xa levan tempo marcando o camiño en innovación educativa, como Learnovate Centre (Trinity College Dublin) e a University of Galway. Pero máis alá dos nomes, o que realmente nos move é o desexo de experimentar, de conectar a ensinanza co mundo real e de implicar o alumnado en retos con sentido, útiles e transformadores.

A metodoloxía que nos acompaña é o Design Thinking: poñerse na pel doutras persoas, pensar en equipo, explorar solucións con diferentes perspectivas, deseñar prototipos, probar, mellorar… e repetir. Un proceso creativo e colaborativo que se centra en como se aprende, e pon o foco no usuario.

A primeira reunión presencial do equipo AgileDT deste curso foi en Aveiro, en novembro. Un deses lugares que semella pequeno pero que ten moitísimo que ofrecer. Alí xuntámonos todos os centros para continuar a formación e preparar o que ía ser a posta en marcha real do proxecto nas aulas. Recibiunos AEVA, que foi un anfitrión estupendo e estivemos moi cómodos traballando no seu centro.

Foron días intensos de moito traballo práctico: entrevistas, dinámicas grupais, post-its por todas partes e ideas que se mesturaban entre idiomas e cafés portugueses. A sensación xeral? Que isto comezaba de verdade a tomar forma, os e as estudantes, co corpo docente, comezabamos a ver o alcance de aplicar metodoloxías áxiles a través da resolución de retos nos talleres de formación, onde o traballo en equipo foi a máxima.

Podedes ver un anaquiño do que vivimos en Aveiro aquí: https://www.instagram.com/p/DCT3A3dMn4M/

Xa de volta no Liceo La Paz, tocou pasar á acción nas aulas do noso centro e aplicar todo o aprendido dende o curso pasado. E así naceu no Liceo a nosa primeira DT-Force (https://www.instagram.com/p/DJjW5-TIoD4/), un pequeno grupo de docentes e alumnado que se animou a impulsar o proxecto dentro do centro. A primeira sesión foi de formación, resolvendo un reto, non hai mellor maneira de aprender que levando a teoría a casos prácticos, así que guiados por Learnovate e o CPR Castelao de Vigo o obradoiro abordou a vulnerabilidade dixital da comunidade escolar, como o phishing ou os contrasinais febles, promovendo boas prácticas para mellorar a ciberseguridade e concienciar sobre a protección de datos.

Outro reto que tamén tivemos, foi organizarnos, entender como levar todas esas novas técnicas á aula sen morrer no intento. Para iso preparamos tamén unha pequena mesa redonda no propio centro, coa DT-Force, onde compartimos dúbidas, estratexias e expectativas. A verdade é que necesitabamos sentir que non estabamos sós neste experimento, somos dous os que levamos o proxecto as aulas do Liceo, e aínda que estamos apoiados pola DT-Force a organización loxística supón un gran esforzo.

A primeira gran experiencia chegou no ciclo de Dietética (https://fp.liceolapaz.com/novas-experiencias-de-design-thinking/), cun reto moi noso: como implicar ao alumnado e ás familias na planificación dos menús escolares. Temos un comedor moi grande no centro, por onde pasan cerca de 1400 persoas a diario, así que parecía un reto bastante útil e que aportaría valor e conexión con problemas reais. Parecía sinxelo, pero supuxo mergullarnos na realidade do comedor, falar co equipo da cociña, analizar o día a día dos usuarios, e despois traducir todo iso en entrevistas, mapas de empatía, preguntas de deseño e solucións creativas. Foi complicado arrancar, como todas as primeiras veces, sobre todo o tema de organización e temporalización, pero con apoio da DT-Force na aula, cada sesión saíu mellor que a anterior. Ademais tivemos a sorte de contar con Irene Calvelo Méndez, profesional do sector, que colaborou activamente, conseguimos darlle forma a propostas sólidas e moi diversas, que contaban con plans de accións concretos, que incluían conectar cos alumnos a través de xogos e obradoiros, onde se deseñaron carteis para promover as actividades en redes, scape rooms, charlas cos pais… todas presentadas na aula polos equipos con moita enerxía.

No ciclo de Transporte e Loxística, o reto foi organizar unha feira do sector no propio centro educativo. A proposta implicaba xestionar espazos, fluxos de persoas e materiais, coordinación entre equipos e comunicación efectiva do evento. Durante dúas sesións intensas, nas que contamos coa colaboración de Cristina Muñoz Laiño como experta en comunicación, o alumnado traballou con metodoloxías áxiles para analizar necesidades reais e propoñer solucións viables. A experiencia puxo a proba as súas competencias profesionais e amosou o potencial transformador de traballar con retos conectados á realidade do seu sector.

No ciclo de Animación 3D, o enfoque foi diferente: un único obradoiro centrado na creación dunha mascota para o Liceo. Os equipos de traballo elixiron este reto sobre outras opcións máis narrativas, e dedicaron a sesión completa a idear personaxes representativos do centro, adaptables a redes sociais, eventos ou materiais gráficos. Utilizáronse ferramentas visuais e metodoloxías como o Idea Alphabet, o Crazy 8 ou a creación de Storyboards, coas que lograron darlle forma a propostas moi completas en pouco tempo. Foi unha sesión moi dinámica, na que se notou a creatividade do alumnado e a súa capacidade para traballar en equipo, mesmo en contextos novos e coa presión de ter o tempo limitado.

E así chegamos a Vigo, en maio, para a última reunión presencial deste curso. O CPR Daniel Castelao acolleunos con moito cariño, e foi un pracer reencontrarnos co equipo AgileDT para seguir compartindo experiencias e aprendizaxes arredor do Design Thinking na FP.

Viaxamos para continuar a formación e tamén para compartir co resto dos centros o que fomos vivindo nas aulas do Liceo: os acertos, os desafíos, e esa sensación constante de estar explorando algo novo e necesario. Estes encontros son sempre unha recarga de enerxía, porque falar en persoa, contrastar ideas e ver como o alumnado se implica, dá unha perspectiva distinta e moito impulso, ademais de poder planificar os seguintes pasos.

En Vigo tamén aprendemos fóra da aula. Comezamos ben cedo cunha visita á lonxa e ao porto para coñecer o funcionamento da industria pesqueira. Máis tarde, achegámonos ao sector da automoción, outro dos motores económicos da cidade. E aínda houbo tempo para pasear, descubrir recunchos da cidade e deixar que a cabeza seguise dando voltas ás ideas que xurdiron.

Se queredes ver un anaquiño máis o que foi a nosa experiencia en Vigo: https://www.instagram.com/centroliceolapaz/reel/DKHpXpQoe7g/
Pechar esta etapa do proxecto non é sinónimo de final, senón de consolidación e impulso. Foi un camiño cheo de aprendizaxe, moitas horas de traballo, tropezóns, algo de estrés e tamén moitísima satisfacción. Levar o Design Thinking á Formación Profesional supón saír da zona de confort, reorganizar tempos, espazos e roles… pero os resultados, creo, falan por si sós. Nas aulas vímolo claro: cando o alumnado se enfronta a retos reais, con metodoloxías que contextualizan e conectan co mundo laboral, a motivación medra, a implicación aumenta e o proceso de aprendizaxe cobra sentido. Sabemos que estamos no bo camiño. Ademais a reorganización do espazo da aula, o traballo en grupo, incluso a presión de traballar cun tempo limitado, sacan o mellor de cada equipo e de cada persoa.

Nada disto sería posible sen a nosa marabillosa DT-Force. Neste proceso, Brais Arias Río (que se meteu de cabeza no proxecto no que levamos traballando man a man dende o ano pasado) e eu contamos co apoio imprescindible das profesoras Susana Naya Baldomir e María Ángeles Broz, así como cun grupo de alumnado voluntario que foi clave en cada sesión: Borja Carracedo Pérez, Sabela Cobelo Losada, Anh Fariñas Garrido, Laura Eijo Ortiz, Andrés Iglesias Souto e Manuel Loira Vázquez. A todos e todas, grazas por estar sempre dispostos a colaborar, por guiar aos equipos coa vosa enerxía, por resolver dúbidas, manter o ritmo de traballo e, sobre todo, por motivar aos vosos compañeiros e apoiar aos vosos profesores cando vos propomos ideas a cegas!

E grazas tamén ao alumnado dos ciclos de Dietética, Transporte e Loxística e Animación 3D, así como ao profesorado que se animou a probar, que confiou, que nos apoiou e que lle deu sentido a todo este esforzo. Entramos nas vosas aulas e en menos de dez minutos xa estábamos poñendo todo patas arriba e vós xa estabades deixándovos levar, sei que a algúns vos encantou e outros aínda o estades pensado, pero grazas por acollernos e participar con ganas! Xa sabedes que ser queredes ser parte da DT-Force do ano que ven, soamente tedes que escribirnos!

E por suposto, grazas a todo o equipo internacional que forma AgileDT, e o noso pequeno equipo do Liceo, que apostan pola innovación, polo alumnado e pola colaboración!

Isto non remata aquí. Antes do verán temos varias reunións programadas e xa estamos traballando nas propostas de cara ao vindeiro curso para a última fase do proxecto. Hai moitas ideas enriba da mesa e cada vez máis xente implicada. E o mellor de todo: sabemos que funciona. Que o alumnado responde, que os retos reais motivan e que a FP é un espazo onde se pode innovar, experimentar e crear.

Xa sabedes, se queredes ser parte desta DT-Force que axuda a romper moldes, xa sexades estudantes ou docentes, soamente tedes que dicilo, estamos agardando por vós!

AgileDT segue, e nós tamén. Máis organizados? Non sempre. Máis preparados? Sen dúbida.

                                                                                             Mónica Pérez Sueiro – 23 de Xuño de 2025

Tags:

No responses yet

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *