Esta semana tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia moi especial dentro do programa Erasmus+, da man da nosa compañeira Saleta, quen participou nunha mobilidade de Job Shadowing na Escola Dr. Manuel da Silva Leça.

Durante a súa estancia, Saleta puido coñecer de primeira man o funcionamento do centro, observando diferentes prácticas pedagóxicas e compartindo espazos de aprendizaxe con profesorado, psicólogos e terapeutas da fala. Esta inmersión permitiulle descubrir novas metodoloxías e enfoques educativos que, sen dúbida, contribuirán a enriquecer a nosa práctica docente.

Un dos aspectos que máis chamou a atención foi a importancia que o centro lle dá á documentación do proceso de aprendizaxe. Rexístrano todo con moito detalle, facendo visible a evolución do alumnado e permitindo unha avaliación máis completa e reflexiva. Ademais, destaca o forte impulso á autonomía do alumnado, que participa activamente no seu propio proceso educativo, tomando decisións e asumindo responsabilidades dende idades temperás.

Outro elemento clave é a organización das aulas, nas que habitualmente hai un mínimo de dous docentes, o que facilita unha atención máis individualizada e unha mellor resposta á diversidade. Isto permite adaptar as intervencións ás necesidades reais do alumnado e crear un ambiente de aprendizaxe máis inclusivo e acompañamento constante.

Cómpre salientar tamén o papel dos espazos exteriores (outdoors), que forman parte esencial do día a día do centro. A aprendizaxe non se limita á aula, senón que se estende ao exterior, favorecendo o contacto coa contorna, o movemento, a exploración e o desenvolvemento integral do alumnado.

Foron días marcados polo intercambio de coñecementos, a colaboración e a inspiración mutua, reforzando unha vez máis o valor da cooperación europea no ámbito educativo e a importancia de abrir as nosas aulas ao mundo.

Queremos destacar tamén a extraordinaria acollida recibida por parte do Concello de Calheta, da Escola BS/PE de Calheta, da Sociedade de Enxeños de Calheta e do MUDAS – Museo de Arte Contemporánea de Madeira, que non só apoiaron esta experiencia, senón que permitiron coñecer de preto a riqueza cultural de Calheta e da illa de Madeira, facendo desta mobilidade unha vivencia aínda máis completa.

Así mesmo, queremos facer unha mención especial ao CFR, polo seu apoio e acompañamento constante no desenvolvemento deste tipo de iniciativas formativas, fundamentais para o crecemento profesional do noso profesorado e para a mellora continua da calidade educativa do noso centro.

Seguimos construíndo Europa a través da educación 💚

No responses yet

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *